GALIZANOVA EUSKAL HERRIA
 

FOTOS DA REUNION DO BNG


REUNION DO BNG EN BILBAO


O portavoz nacional, Guillerme Vázquez, participa esta fin de semana como convidado do PNV nos actos do Alderdi Eguna en Euskadi. O domingo, día 27, asistirá ao acto político que se celebra nas campas de Foronda, en Gasteiz.O senador nacionalista Xosé Manuel Pérez Bouza asiste tamén en representación do BNG esta fin de semana ao Congreso de Aralar


Guillerme Vázquez acusa a Feijóo de manipular a opinión pública sobre os orzamentos

“O actual sistema de financiamento, que faculta agora ao Estado a reclamar a Galiza, foi deseñado polo PP en 2001”

Santiago de Compostela, 22 Setembro 09. O presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, estase a converter nunha “máquina de inventar escusas” e nun “experto” en “botar man de todo tipo de cortinas de fume para desviar a atención sobre os problemas reais que ten o País”. Así o cre o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, para quen “o presidente da Xunta de Galiza se comporta como se o único que non tivese responsabilidades á hora de actuar frente á crise económica fosen el e o seu Goberno”.

En declaracións á páxina web do BNG, www.bng-galiza.org, o portavoz nacional afirma que Feijóo está a despregar “unha estratexia informativa” destinada a conseguir que a sociedade galega “trague” cun proxecto de lei de orzamentos de Galiza para 2010 que se perfilan como “claramente insuficientes para as necesidades de Galiza”.

“Pero a sociedade galega non vai tragar porque a xente comeza a ser consciente de que a Xunta non ten unha estratexia solvente frente á crise. A xente ve con clareza que Feijóo non fai máis que escurrir o bulto sobre as súas propias responsabilidades. É hora de que diga exactamente que vai facer e que prioridades ten. É hora de que deixe de desviar a atención sobre non se sabe que buratos ou non se sabe que débedas. É hora de que compareza no Parlamento e apresente un Plano Anticrise cunha memoria económica solvente”, di o portavoz nacional.

A estratexia informativa do PP ten como obxectivo “criar confusión” e tapar “a súa incapacidade para confeccionar os orzamentos que precisa Galiza neste momento”.

“Vir agora a dicir que non vai devolver os cartos que lle reclama o Estado é unha cortina de fume. O problema non está só en que se reduza a capacidade de ingresos da Xunta por culpa da crise, o problema está nunha sistema de financiamento autonómico deseñado polo propio PP en 2001 e que é claramente dependente do Goberno central”, afirma o portavoz nacional. “Estamos ante un modelo que non garante a suficiencia financeira porque non se basea nunha Axencia Tributaria Galega que permitise a Galiza recadar os seus impostos. Estamos ante un modelo ademais que limita enormemente a capacidade de endebedamento das comunidades autónomas, o que as converte en deficitarias por definición e, por tanto, dependentes do Estado”, esclarece.

“Xa estamos afeitos a que vaia de gallito para logo baixar cabeza"

A suposta “devolución” ao Estado non é tal, salienta Guillerme Vázquez, senón que en todo caso o Estado podería detraer a cantidade que reclama dos anticipos a conta que faga no futuro. “Aquí Feijóo manipula á opinión pública. Non é que non vaia devolver os cartos ao Estado, é que o Estado ten perfecta capacidade para obtelos polo sinxelo procedimento de descontalos dos futuros anticipos a conta. O que debería facer Feijóo é en todo caso abrir un proceso de negociación co Estado e deixarse de procurar o titular fácil e o golpe de efecto. En fin, xa estamos afeitos a que en primeira instancia vaia de gallito para logo baixar a cabeza”, enfatiza o portavoz nacional.

En todo caso, “e isto é moi importante, a suposta débeda de Galiza co Estado non atinxe aos orzamentos de 2010, porque o seu reintegro non hai que materializalo até Xaneiro de 2011.

“A que vén entón que Feijóo recorra a este argumento precisamente agora? Pois claramente a criar un estado de opinión que lle permita xustificar a entrega na Cámara duns orzamentos para 2010 que non van estar á altura das necesidades do País. Trátase de procurarse coartadas e escusas para xustificar o inxustificábel: o incumprimento das súas promesas electorais”, di o líder nacionalista.

Para o portavoz nacional, xa abonda de que o presidente do Goberno galego se queixe dun sistema de financiamento “que foi deseñado polo propio PP no pasado”.

“O PP quer saír de rositas deste debate político como se non tivese responsabilidade nengunha neste asunto. Esa é a especialidade de Feijóo. Pero claro que as ten. O actual sistema de financiamento foi deseñado polo PP en 2001 e se Galiza non o mellorou sensibelmente foi porque o señor Feijóo vetou no seu día o Novo Estatuto que si tería significado un claro avanzo cara á autonomía fiscal que precisa este País”, conclúe.

 

O BNG participa na presentación pública da plataforma "Queremos galego"

Santiago de Compostela, 21 Setembro 09.- Nunha nova mostra do seu compromiso coa lingua, o BNG participou o venres 18 de setembro no acto de presentación da plataforma cívica "Queremos galego", que se creou no pasado mes de xullo a partir dun proceso de debate e reflexión para artellar unha resposta social o máis ampla posíbel ao ataque frontal que o goberno do PP está a levar adiante contra a nosa lingua e a nosa cultura.

Alí estiveron, entre outros, o Secretario de Acción Social da Executiva do BNG, Rafa Vilar, e o portavoz parlamentar en materia lingüística, Bieito Lobeira, que fixeron patente coa súa presenza o apoio que o nacionalismo galego presta a esta iniciativa popular.

Na conferencia de imprensa celebrada na "posta de longo" desta plataforma interviu Fran Rei, en representación da comisión xestora, e deu conta do proceso de expansión territorial no que neste momento se encontra a plataforma, coa perspectiva de que nos próximos días conclúan os actos constituíntes, previstos nun total de 19 comarcas que abranguen, segundo explicou, “a práctica totalidade do país”. Será entón cando se coñeza o número de entidades e persoas a título individual que compoñen a plataforma, “se ben os actos que xa se realizaron están a caracterizarse por unha asistencia que mesmo soborda as previsións”, indicou

Tal e como xa ten refrendado o Consello Nacional, o BNG apoiará coa súa presenza a grande manifestación en favor da lingua convocada pola plataforma para o vindeiro 18 de outubro e que partirá ás 12 da mañá da Alameda.

Por outra parte, a plataforma presentou tamén o texto da iniciativa lexislativa popular pola protección dos dereitos lingüísticos, que desde a plataforma se promove. Trátase dun texto “moi breve e sinxelo que non reclama imposíbeis”, segundo explicou Fran Rei, “senón a adopción de medidas legais dirixidas a cumprir todo aquilo que xa está previamente recollido na lexislación”. A ILP será rexistrada no Parlamento de Galiza, que ten un máximo dun mes para decidir sobre a súa admisión a trámite e dar instrución á Xunta electoral central para que inicie o procedemento recollido legalmente.

A plataforma QUEREMOS GALEGO conta con poder levar a iniciativa á rúa e comezar a recollida de apoios o vindeiro mes de novembro, estendéndoa durante 4 meses.

 
WEB GALIZANOVA EUSKAL HERRIA, UNETE A NOS¡ Este sitio web fue creado de forma gratuita con PaginaWebGratis.es. ¿Quieres también tu sitio web propio?
Registrarse gratis