GALIZANOVA EUSKAL HERRIA
 

Estatutos de Galiza Nova
 
 

CAPÍTULO I: DE GALIZA NOVA

Art.1.- GALIZA NOVA, Organización da Mocidade do BNG, é unha organización xuvenil que asume como as suas funcións básicas o deseño e posta en prática dunha política xuvenil nacionalista, de cara a vertebrar un movimento xuvenil galego comprometido coa liberación nacional e a transformación da nosa sociedade.

Art.2.- GALIZA NOVA asume como próprio o programa da frente patriótica Bloque Nacionalista Galego, constituindo-se na teoria e na prática política na Organización Xuvenil ou Mocidades do BNG, elaborando e desenvolvendo neste marco o seu programa de actuacións específicas.
Art.3.- GALIZA NOVA vincula-se ao BNG ao abeiro do disposto no “Protocolo de relación e integración da mocidade na estrutura frentista do BNG”. GALIZA NOVA é, pois, unha organización integrada no BNG, dotada de órgaos de dirección, finanzas e personalidade xurídica próprios e diferenciados.
Art.4.- GALIZA NOVA recoñece a pluralidade ideolóxica existente no BNG e neste sentido adoptará os mecanismos oportunos que tendan a un recoñecimento explícito desta. En particular, recoñece-se o direito á constituizón de tendéncias organizadas no seo da Organización e a posibilidade de estabelecer as medidas necesárias para o seu recoñecimento e desenvolvimento dentro do marco organizativo e de dirección próprio de GALIZA NOVA.

CAPÍTULO II: DAS AFILIADAS E DOS AFILIADOS

Art.5.- Poderá ser militante de GALIZA NOVA calquer moza ou mozo que asi o desexe e que acate os princípios próprios da Organización e estes Estatutos. A petición de entrada fará-se sempre de xeito individual, sendo a Dirección Comarcal o órgao que procederá a dar entrada no ámbito da sua comarca. Para os casos de afiliación colectiva será necesário o ditame favorábel da Dirección Nacional, reunida en sesión extraordinária.
Art.6.- Son direitos das e dos militantes:

a) Contribuir a definir a orientación política de GALIZA NOVA, participando en todos os debates que se den no seo da Organización.
b) Elexer e ser eleita ou eleito para os órgaos de dirección da Organización.
c) Criticar dentro dos órgaos dos que faga parte calquer membro ou órgao de GALIZA NOVA.
d) Receber axuda en caso de problemas derivados da sua pertenza a GALIZA NOVA.
e) Receber formación, información e propaganda da Organización.
f) Ser escoitada ou escoitado polo órgao pertinente en proceso disciplinar aberto contra a sua persoa.
g) Empregar os meios materiais dos que dispón a Organización.
h) Participar plenamente es todas as estruturas e organismos do BNG.
i) Participar nas actividades desenvolvidas por GALIZA NOVA ou polo BNG.
j) Discrepar publicamente dos acordos tomados por GALIZA NOVA, sempre que isto non signifique boicotear a sua execución ou atentar contra a unidade de Organización.
k) Promover a constituizón de tendéncias no seo de GALIZA NOVA.
l) Calquer outro derivado da sua militáncia no BNG.

Art.7.- Son deberes das e dos militantes:

a) Empregar o idioma galego e defender a nosa cultura.
b) Respeitar as canles orgánicas.
c) Espallar a propaganda da Organización.
d) Cumprir co traballo que se lle encomende.
e) Cotizar coa cuota que se marque.
f) Posibilitar a execución dos acordos tomados en GALIZA NOVA.
g) Cumprir e acatar os estatutos de GALIZA NOVA.
h) Participar nos movimentos de masas apoiados pola nosa organización.

Art.8.- Son causas de sanción dunha ou dun militante:

a) Boicotear a posta en prática das decisións maioritárias da Organización.
b) Actuar contrariamente ao programa e ás resolucións da Asemblea Nacional.
c) Manter atitudes ou práticas que danen a Organización.

Art.9.- 1) Os acordos e sancións serán tomados polos órgaos de dirección un nível superior ao organismo onde se encontre militando a ou o militante. No caso das e dos membros das Dirección Nacional, os acordos serán tomados pola própria Dirección Nacional.

2) En virtude da gravidade dos actos que se sancionen as medidas que se poderán adoptar son:

a) Adverténcia da sanción.
b) Censura.
c) Destituizón dos cargos que ocupa, no seu caso. Esta destituizón terá carácter temporal até que se reúna o órgao que o elexeu.
d) Suspensión da militáncia.
e) Expulsión de GALIZA NOVA.

Art.10.- Os acordos sinalados no artigo anterior poderán ser recorridos diante do órgao imediatamente superior ao que tomou o acordo e, en última instáncia, diante da Dirección Nacional. En calquer caso, este proceso non significa a paralización do acordo tomado até que haxa unha resolución superior.

Art.11.- A afiliada ou o afiliado causará baixa por calquer dos seguintes motivos:

a) Petición própria, apresentada por escrito perante a correspondente Asemblea Comarcal.
b) Deixar de cotizar durante seis meses.
c) Perda das condicións requeridas nos presentes Estatutos.
d) Por expulsión validamente acordada nos órgaos competentes.

Art.12.- A Asemblea Nacional ou, no seu caso, a Dirección Nacional, poderán nomear unha Comisión de Garantías ou de resolución de conflitos.

CAPÍTULO III: DOS ÓRGAOS DE GALIZA NOVA

Art.13.- GALIZA NOVA contará cos seguintes órgaos:

a) Asemblea Nacional.
b) Dirección Nacional.
c) Permanente da Dirección Nacional.
d) Asemblea Comarcal
e) Asemblea Local
f) Dirección Comarcal
g) Dirección Local

Art.14.- A Asemblea Nacional é o máximo órgao de decisión de GALIZA NOVA; nela teñen direito a participar todas e todos os militantes dados de alta no prazo e forma decididos pola Dirección Nacional. A Asemblea Nacional celebrará-se de xeito ordinário cada dous anos, habendo ser convocada pola Dirección Nacional con, cando menos, tres meses de antelación.

Art.15.- A Asemblea Nacional extraordinária convocará-se por acordo da Dirección Nacional a iniciativa própria ou a petición dun terzo da militáncia, sendo convocada con, cando menos, un mes de antelación. Esta Asemblea Nacional só se poderá pronunciar sobre os temas obxectos na mesma.

Art.16.- Son funcións da Asemblea Nacional:

a) Definir a orientación política da Organización.
b) Analisar, debater e, no seu caso, aprobar o informe apresentado pola Dirección Nacional saínte.
c) Aprobar e revisar os Estatutos da Organización
d) Elexer as e os membros da Dirección Nacional que lle corresponda e, de entre estas e estes, a Secretária ou o Secretário Xeral.

Art.17.- A Dirección Nacional é o órgao que dirixe a actividade de GALIZA NOVA no tempo que transcorre entre duas Asembleas Nacionais, e está encarregada de executar os acordos adoptados pola Asemblea Nacional.

Art.18.- A Dirección Nacional está formada por unha representación da Asemblea Nacional igual ao número de agrupacións comarcais definidas pola Asemblea Nacional e por un representante elexido por cada Asemblea Comarcal.

Art.19.- Cada membro da Dirección Nacional terá adcrita unha función específica da que renderá contas diante do mesmo órgao.

Art.20.- A Dirección Nacional reunira-se ordinariamente cada tres meses e de maneira extraordinária a petición dun terzo das e dos membros da Permanente. A Dirección Nacional será convocada pola Secretária ou Secretário Xeral, nominalmente e por escrito e cunha semana de antelación.

Art.21.- Son funcións da Dirección Nacional:

a) Dirixir o traballo político e de organización de GALIZA NOVA de acordo coa orientación definida na Asemblea Nacional.
b) Convocar as Asembleas Nacionais ordinárias e extraordinárias, asi como elaborar os documentos a debater nelas.
c) Elaborar as propostas de actuación e recoller e analisar as emanadas da base da Organización.
d) Decidir sobre propostas colectivas de afiliación, adesión ou integración.
e) Elexer a Permanente, podendo mudar, no seu caso, calquer das ou dos seus membros, excepto a responsabilidade de Mulleres.
f) Controlar o funcionamento e fiscalizar o traballo da Permanente.
g) Definir as relacións con outras organizacións a nível nacional e internacional.
h) Planificar os recursos financeiros e aprobar o Orzamento Anual da Organización.
i) Estabelecer a cuantia de cuota de afiliación.
j) Nomear comisións, coa composición e atribuizóns que considere pertinentes.
k) Elaborar e aprobar o seu regulamento de funcionamento interno.
l) Elexer a coordenadora ou coordenador do Servizo Nacional de Publicacións.
m) Interpretar os presentes Estatutos e resolver en caso de dúvidas ou lacunes en matéria estatutária.
n) A criazón, supresión, fusión e participación de agrupacións comarcais.
o) Transmitir ao BNG propostas de actuación social e institucional.
p) Render contas diante da Asemblea Nacional da sua xestión.

Art.22.- A Permanente estará integrada por:

a) Secretária ou Secretário Xeral.
b) Responsábel de Organización.
c) Responsábel de Finanzas.
d) Responsábel de Ensino Universitário.
e) Responsábel de Ensino Meio.
f) Responsábel de Cultura.
g) Responsábel da Asemblea de Mulleres.
h) Responsábel de Ecoloxismo.
i) Responsábel de Antimilitarismo.
j) Responsábel de Emprego.
k) Responsábel de Política Institucional.
l) Responsábel de Relacións Internacionais.
m) Responsábel de Relacións cos Meios de Comunicación.
n) Responsábel de Relacións Sociais e Asociacionismo.
o) Responsábel de Propaganda.

Art.23.- Son funcións da Permanente:

a) Dar resposta a calquer problema ou feito de importáncia que se apresente entre reunións da Dirección Nacional.
b) Executar as decisións acordadas pola Dirección Nacional.
c) Facer un seguimento constante das actividades da Organización, traballando a todos os níveis polo seu asentamento organizativo.
d) Convocar as xuntanzas da Dirección Nacional e da Comisión Nacional de Organización, apresentando-lle as propostas que considere oportunas.
e) Coordenar o funcionamento de todos os órgaos de GALIZA NOVA, a fin de garantir a operatividade do conxunto da Organización.
f) Propor a actividade formativa.
g) Aprobar os conteúdos do voceiro MOCIDADE.
h) Promocionar a proxección pública nos meios de comunicación, e atender todo o relacionado coa propaganda.
i) Atender as relacións coas instituizóns.
j) Xestionar as finanzas nacionais, planificar o património e facer seguimento das transferéncias.
k) Operar con entidades bancárias, solicitar créditos, abrir e cancelar contas; alén das potestades nese sentido dos órgaos comarcais e locais.
l) Exercer o controlo nacional mensal de finanzas.
m) Elaborar o parte nacional mensal de finanzas.
n) Exercer solidariamente a representación xurídica, legal e económica de GALIZA NOVA, delegando na Secretária ou no Secretário Xeral a representación global.
o) Todas aquelas que lle delegue a Dirección Nacional, excepto as recollidas nos pontos b), d), e), f), g), h), i) e n) do artigo 20.

Art.24.- A Permanente reunirá-se ordinariamente cada quince dias, e extraordinariamente cando as circunstáncias o requiran. Convocará-a a Secretária ou Secretário Xeral, podendo partir a iniciativa de calquer das ou dos seus membros.

Art.25.- Existirá un departamento dependente da Permanente denominado Servizo Nacional de Publicacións. A Dirección Nacional elexerá de entre as suas e os seus membros a coordenadora ou coordenador deste servizo.

Art.26.- Son funcións do Servizo Nacional de Publicacións as derivadas do traballo propagandístico, dos aspeitos técnicos do voceiro MOCIDADE, da impresión das circulares internas e de todos aqueles traballos deste tipo que lle encarregue a Permanente. Asi mesmo, deberá publicar, baixo a dirección da própria Permanente, os documentos resultantes das Asembleas Nacionais no prazo máis breve posíbel. Do mesmo xeito, este servizo asesorará e promoverá a edición de voceiros e revistas de carácter local e comarcal.

Art.27.- 1.- Son funcións da ou do Secretária/o Xeral:

a) Representar publicamente a Organización.
b) Representar GALIZA NOVA nos órgaos de dirección do BNG.
c) Convocar as reunións dos órgaos de dirección.
d) Levar un seguimento da actividade política.
e) Coordenar o traballo da Permanente.

2.- Son funcións da ou do Responsábel de Organización:

a) Levar o seguimento da situación organizativa.
b) Promover a expansión organizativa e o espallamento en xeral do proxecto de GALIZA NOVA.

3.- Son función da ou do Responsábel de Finanzas:

a) Levar o seguimento contínuo da situación financeira.
b) Ocupar-se das finanzas de GALIZA NOVA seguindo as directrices do capítulo V destes Estatutos.

Art.28.- GALIZA NOVA estrutura o seu labor sectorial nas seguintes áreas de traballo:

a) Universidade.
b) Ensino Meio.
c) Cultura.
d) Feminismo.
e) Ecoloxismo.
f) Antimilitarismo e Pacifismo.
g) Emprego
h) Asociacionismo.

Art.29.- GALIZA NOVA estrutura-se en localidades e comarcas, e os seus organismos de base son as Asembleas Locais e Comarcais, que se reunirán á convocatória da Dirección Comarcal e Local, no caso de que existan. No caso contrário, será a própria ou próprio Responsábel Local ou Comarcal o encarregado de facé-lo.

Art.30.- As Asembleas Comarcais reunirán-se cunha periocidade ordinária de tres meses. As Asembleas Locais reunirán-se como mínimo unha vez ao mes. Terán como funcións debater e analisar a situación da localidade, da comarca e a nível nacional, e elaborar liñas de traballo a desenvolver por GALIZA NOVA na localidade, na comarca e na Galiza. As Asembleas Locais e comarcais estarán compostas por todas e todos os militantes desa localidade ou comarca.

Art.31.- Cada localidade contará coas comisións de traballo que estime oportuno constituir, tendo en conta as características, circunstáncias e prioridades que apresente. As e os militantes de GALIZA NOVA integrarán-se en cada localidade no sector onde desenvolverá o seu traballo político, sen prexuízo da sua colaboración con outros sectores.

Art.32.- A Dirección Comarcal estará composta polas e polos responsábeis locais das distintas Asembleas Locais que conforman a comarca, pola/o Responsábel Comarcal, pola/o Vice-Responsábel Comarcal, pola/o Responsábel de Finanzas, por todas e todos aqueles militantes da comarca membros da Dirección Nacional e por calquer outro militante que asi o estime oportuno a Asemblea Comarcal.

Art.33.- As Direccións Comarcais reunirán-se con periocidade mensal. As suas funcións serás as de coordenar o traballo político a nível comarcal a calquer tema que poda xurdir. Prestarán especial atención á expansión organizativa no ámbito da sua comarca.

Art.34.- A composición e periocidade das Direccións Locais serán fixadas polas própias Asembleas Locais. As suas atribuizóns limitaran-se ao ámbito da localidade e serán coñecidas pola Dirección Comarcal.

Art.35.- As Asembleas Locais e Comarcais poderán-se dotar dun regulamento interno que en nengun caso poderá entrar en contradicións cos presentes Estatutos e que será coñecido pola Permanente.

CAPÍTULO IV: DA ASEMBLEA DE MULLERES DE GALIZA NOVA

Art.36.- A Asemblea Nacional de Mulleres é o máximo órgao de decisión en temas de feminismo de GALIZA NOVA.

Art.37.- Fan parte da Asemblea de Mulleres as militantes de GALIZA NOVA que, traballando dentro da organización, voluntariamente decidan participar nela.

Art.38.- A Asemblea Nacional ordinária de Mulleres reunirá-se cunha periocidade semestral, convocada pola Mesa Nacional cun mes de antelación. A Asemblea Nacional extraordinária celebrará-se cando asi o solicite calquer Asemblea Comarcal e/ou a Mesa Nacional.

Art.39.- A Asemblea de Mulleres de GALIZA NOVA contará cunha Mesa Nacional integrada pola Responsábel Nacional, Responsábeis Comarcais, Responsábel de Finanzas, Responsábel de Boletin, Responsábel do CXG e outras responsabilidades que estimen convenientes.

Art.40.- A Mesa Nacional reunirá-se trimestralmente.

Art.41.- A Asemblea de Mulleres estruturará-se en localidades e comarcas, sendo os seus organismos as Asembleas Locais e Comarcais.

Art.42.- Fan parte da Asemblea Local e Comarcal de Mulleres as mozas militantes que voluntariamente o decidan.

Art.43.- As Asembleas Comarcais de Mulleres reunirán-se cunha periocidade trimestral. As Asembleas Locais reunirán-se, como mínimo, unha vez ao mes.

Art.44.- Cada Asemblea Comarcal e Local poderá contar coas Mesas Comarcais e Locais que estime oportuno construir.

CAPÍTULO V: DAS FINANZAS

Art.45.- GALIZA NOVA ten un património próprio que administrará segundo as disposicións deste capítulo. O financiamento da Organización provirá de:

a) As cuotas da militáncia.
b) Os acrescentamentos patrimoniais a título gratuito e subvencións, do tipo que sexan.
c) A venda de publicacións ou caisquer outros bens a nível nacional.
d) O endebedamento através de créditos.
e) Calquer outra fonte aprobada pola Dirección Nacional.

Art.46.- As subvencións solicitadas ou concedidas a calquer nível organizativo serán coñecidas pola Permanente, que renderá contas diante da Dirección Nacional.

Art.47.- As Direccións Comarcais cobrirán trimestralmente un parte de finanzas comarcal no que figurarán ingresos e gastos, transferéncias á Caixa Nacional, saldo e demais detalles financeiros, segundo o modelo que aprobe a Dirección Nacional. A cópia deste parte mandará-se á ou ao Responsábel de Finanzas.

Art.48.- Existirá un parte de finanzas nacional que recollerá os movimentos financeiros da Caixa Nacional. A Permanente exercerá o controlo deste parte. Calquer membro da Dirección Nacional e da Comisión de Organización e Finanzas poderá coñecer o estado financeiro de GALIZA NOVA. En calquer caso, a Permanente fará coñecer á Dirección Nacional o estado global das contas da Organización.

Art.49.- Existirá un libro nacional de finanzas baixo a Responsabilidade de Finanzas, onde figurarán datadas todas as transaccións realizadas a nível nacional, co correspondente anexo de facturas e xustificantes.

Art.50.- Perante a dirección Nacional dará-se conta da situación xeral das finanzas e do cumprimento dos obxectivos neste terreno. A Dirección Nacional aprobará un orzamento anual para a Organización durante o período do exercício económico de referéncia.

Art.51.- Estabelece-se o seguinte sistema distributivo do total das cotizacións recadadas nun trimestre.

o 50% do singresos por cotizacións por cada Asemblea Local pasará a engrosas a Caixa Nacional.
o 50% dos ingresos por cotizacións por cada Asemblea Local pasará a engrosar a Caixa Local ou Comarcal, segundo o caso e na percentaxe que marquen os organismo locais e comarcais.

Art.52.- Cada Asemblea Local ou Comarcal poderá contar coa sua própria Caixa.

Art.53.- A distribuizón das cuotas recadadas está en función do número de militantes de cada localidade ou comarca e do conxunto da Nación. Portanto, actualizará-se o listado de militantes de cada comarca en cada reunión da Dirección Comarcal, obtendo-se asi a cifra exacta que cada comarca deberá aportar á Caixa Nacional en cada trimestre.

Art.54.- A permanente dotará-se dun inventário de bens e património propriedade de GALIZA NOVA a nível nacional, que irá actualizando.

Art.55.- Ainda que a cuantia das cuotas ordinárias ha de coincidir co disposto en cada momento pola Dirección Nacional, existirá de xeito voluntário unha cotización extraordinária das e dos militantes.



CAPÍTULO VI: DAS RELACIÓNS CO BNG

Art.56.- Ao abeiro do disposto no “Protocolo de Relación e Integración de Organización da Mocidade na estrutura Frentista do BNG” GALIZA NOVA ten direito a:

a) Estar representada en todos os órgaos de dirección do BNG (Permanente, Consellos Nacional, Comarcal e Local). A Secretária ou o Secretário Xeral e as ou os Responsábeis Comarcais e Locais serán os máximos responsábeis da representación de GALIZA NOVA nos órgaos do BNG. No seu defeito, que a Asemblea pertinente decida. Se unha comarca do BNG abranxe máis dunha de GALIZA NOVA ou vice-versa, serán as Asembleas Comarcais implicadas as que arbitren as medidas necesárias para garantir a representación.
b) A consideración das suas e seus militantes como militantes de pleno direito do BNG, escusando-se de contribuir ás cotizacións.
c) Estar presente e ser tida en conta nos programas e planificacións organizativas que o BNG leve a cabo.
d) Actuar como organización autónoma do BNG para a elaboración teórica e a intervención prática na especificidade da política xuvenil, sendo responsábel do desenvolvimento do proxecto político para o colectivo xuvenil.

Art.57.- GALIZA NOVA procurará acordar todo tipo de acordos co BNG a nível nacional, comarcal e local, tendentes ao usufruto mútuo da infra-estrutura que se posua e ao financiamento do traballo político de GALIZA NOVA.

Art.58.- GALIZA NOVA promoverá a implicación e integración da sua militáncia en todas as estruturas do BNG.

CAPÍTULO VII: DAS NORMAS DE FUNCIONAMENTO

Art.59.- Os acordos de calquer órgao local, comarcal ou nacional adoptarán-se por maioria simples, salvo nos casos doutro xeito regulados nestes Estatutos ou nos Regulamento de Funcionamento Interno do órgao en cuestión.

Art.60.- As xuntas de calquer órgao considerarán-se validamente constituídas en primeira convocatória cando asistan a metade máis un dos seus membros, sempre que á reunión fosen convocadas todas e todos os componentes do órgao, comunicando-lles hora, data, lugar e orde do dia con, cando menos, cuarenta-e-oito horas de antelación. En segunda convocatória meia hora máis tardese, sexa cal for o número de asistentes, e sempre que o acorden por maioria simples. Non se considerará válida a nengun feito calquer reunión, nen acordos tomados nela, que non se fagan segundo o disposto nos presentes Estatutos.

Art.61.- De cada reunión dos distintos órgaos, levantará-se acta, na que constarán os asisitentes, os acordos adoptados e as cotacións realizadas, debendo reflectir as intervencións que sexan solicitadas. As actas da Permanenete, Dirección Nacional e Comisión Nacional de Organización serán coñecidas polos órgaos de base.

Art.62.- As eleizóns para calquer responsabilidade farán-se mediante voto secreto, sempre que concorra máis dunha persoa ou solicite algunha das ou dos asistentes.

DISPOSICIÓNS XERAIS

PRIMEIRA.- A modificación dos presentes Estatutos corresponde en exclusiva á Asemblea Nacional, e a sua interpretación á Dirección Nacional.

SEGUNDA.- As organizacións ou colectivos xuvenis de ámbito local, comarcal ou nacional, poderán estabelecer fórmulas de asociación con GALIZA NOVA. O acordo de adesión debe ser aprobado pola Dirección Nacional. Os termos organizativos, económicos ou de calquer tipo estabelecerán-se no próprio acordo de adesión, debendo este ser ratificado pola Asemblea Nacional.

TERCEIRA.- O proceso de eleizóns internas ordinárias na estrutura de GALIZA NOVA realizará-se con posterioridade á celebración da Asemblea Nacional, de cara a adaptá-la ás posíbeis modificacións que a Asemblea Nacional acorde nos Estatutos.

CUARTA.- Os Estatutos do BNG serán, en todo caso, supletivos aos presentes.

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

ÚNICA.- Fican derrogadas as anteriores normas Estatutárias

 
WEB GALIZANOVA EUSKAL HERRIA, UNETE A NOS¡ Este sitio web fue creado de forma gratuita con PaginaWebGratis.es. ¿Quieres también tu sitio web propio?
Registrarse gratis